Texto en  varias linguas

Español

Euskera

Galego

Catalán

Inglés

Francés

Portugués

DON VALENTÍN: O MESTRE AMIGO

Desde esta páxina querémoslle render homenaxe a un home exemplar, modelo de bondade, que marcou unha época en Colindres e criou estilo coa súa maneira de ensinar ás moitas xeracións que pasaran polas súas aulas. Exerceu como un auténtico mestre de escola nuns tempos nada fáciles.  Rodeado por unhas circunstancias adversas, tanto polas carencias materiais como pedagóxicas, baseou os seus esforzos educativos na tolerancia e máis no respecto polos seus alunos, ademais da dedicación propia de quen transmite os coñecementos adquiridos aos seus discípulos.  

Don Valentín Turienzo chegou ao mundo nos albores do século XX, nunha pequena poboación leonesa. Nado o día 3 de novembro de 1909 en “La Sota de Cea”, pertencente ao Partido Xudicial de Riaño (pertencente ao Concello de Riaño), cursou os seus primeiros estudos na citada localidade, trasladándose máis tarde a León para continuar os seus estudos de bacherelato e máis a carreira de Maxisterio.

Os seus primeiros pasos como docente tamén os deu dentro de León, corría o ano 1932 cando impartiu as súas primeiras aulas como interino en Ribota. Durante cinco anos a súa vida fora unha peregrinaxe por diversas vilas, cinco pequenas vilas nas que o mozo Valentín Turienzo traballou como interino – entre elas algunhas de Cantabria como Trasierra e Ruiloba – para finalmente rematar en Navatejera (León) onde acadou praza fixa no 1939.

Anos máis tarde, no 1945, chega a Colindres  para se facer cargo da Escola de Orientación Marítima, tendo realizado previamente o cursiño de formación que precisaba a tal efecto.

A esta escola asistían maioritariamente os fillos dos mariñeiros e xentes relacionadas co mar.

De súpeto, veuse inmerso nun mundo totalmente descoñecido para el, nunha vila mariñeira cunha realidade moi diferente á das pequenas viliñas leonesas da súa infancia e primeira xuventude. Alí debeu facer fronte a unha situación complicada, non só pola precariedade das instalación senón tamén por ter que se facer cargo dunha media de entre 80 e 90 alunos sem contar con outros medios que o seu traballo, a súa paciencia e máis as súas proprias mans. Entregouse en corpo e alma ao seu traballo cunha ilusión sem límites, exerceu de pintor, cristaleiro, carpinteiro… e toda sorte de oficios que lle permitiran – fóra do seu horario laborable – reparar e facer máis habitable, cómodo e confortable aquel habitáculo no que pasaba as horas a ensinar e polo que ninguén se preocupaba, xa que non había quen se fixera cargo do seu mantemento.

Don Valentín Turienzo foi tamén un innovador á hora de impartir as súas ensinanzas , xa que introduciu materias coma o debuxo liñal e máis a plástica, algo de certo pouco habitual na época. De feito, el mesmo era un artista na talla do arame. Numerosos traballos realizados polo “profesor” – que tiña como principal virtude a humanidade coa que trataba aos seus alunos – adornaban as paredes da escola, aledando e dando vida á que xa consideraba a súa casa.

É verdadeiramente difícil atopar a unha persoa da que todo o mundo fale ben, mais no caso de Don Valentín a premisa cúmprese con creces, pois todo aquel a quen se lle pregunta por el responde entre louvanzas con eloxios cheos de agarimo cara a súa persoa.

Se a todo isto engadimos o feito de que a súa integración na vila, co pobo, foi total, non só por ter fixado alí a súa residencia senón por formar parte desa comunidade en todas as súas dimensións, participando de forma activa na vida cidadá e incluso chegando a ocupar diversos cargos dentro desa sociedade, como o cargo de Xuíz de Paz, que ostentou durante nada menos que dez anos, chegaremos á conclusión de que estamos ante un home excepcional, un ente singular que simboliza a todas esas xentes sinxelas con dimensión localista que tantas veces caen, inxustamente, no esquecemento.

O nome do Instituto de Ensino Secundario, “Valentín Turienzo”, é un recoñecemento á traxectoria e traballo desenvolvidos durante máis de 34 anos polo bo profesor no concello de Colindres.

Texto en Galego por Beatriz Guiance

INICIO